No Estado español existen 417 campos de golf, a maioría asociados a urbanizacións de luxo. O consumo de auga dun campo de golf é semellante ao dunha poboación de 150 000 persoas e a ocupación do territorio é cada vez maior: un campo precisa polo menos 50 hectáreas. Ademais, os abonos e pesticidas empregados contaminan os acuíferos. Agora que coa crise se venden un 30% menos de vivendas e os promotores non poden manter os campos de golf, estes comezan a pedir que os concellos se encarguen deste deporte. Pretenden socializar perdas dun negocio privado.

Un campo de golf de 18 buratos e 60 hectáreas consume 1 500 000 litros de auga ao día. No Estado español hai 417 recintos para este deporte, segundo datos da Federación Española de Golf. Ata agora os “pelotazos urbanísticos” e a construción destes centros estaban asociados: nos últimos 10 anos construíronse 112 campos, o 90% promovidos por inmobiliarias. Por mor da crise as vivendas non se venden e a construción de campos de golf detívose, como amosa o feito de que máis de 150 novos proxectos programados nos últimos dous anos non se executasen.
O negocio do golf é insostíbel. Esgótase un recurso escaso coma é a auga en beneficio dun negocio privado duns poucos. Segundo Ecologistas en Acción, nun ano o consumo medio de auga dun campo de golf de 18 buratos e 60 hectáreas (has.) é de 10 000 metros cúbicos de auga por hectárea, é dicir 18 hectómetros cúbicos (cifra que se multiplica por dous en Andalucía). Este volume equivale ao consumo anual dunha cidade de entre 150 000 e 200 000 habitantes. Os percorridos e o número de buratos marcan o atractivo do campo: se ten 18, precísanse como mínimo 50 hectáreas de terreo. Pero tamén os hai de 9, 27, 36, 54 e 60 buratos. Así mesmo, o campo de golf precisa un green duns 800 m2 por burato.
Ocupación do territorio
En zonas urbanizadas é imposíbel acadar esa cantidade de terreo, por iso ocúpanse terreos non urbanizábeis e áreas próximas a espazos naturais, que se privatizan. De paso, recalifícanse os terreos e constrúense urbanizacións asociadas ao golf.
Esgotados os terreos próximos á costa, mercáronse para o golf terreos de usos agrícolas e forestais. Esta ocupación do terreo para o sector de ocio privado dunha elite foi en prexuízo do sector primario, a produción de alimentos.
Outro impacto do golf é o gasto de auga: entre o 2000 e o 2010, anos de crecente seca, construíronse máis de 120 campos de golf, mentres a administración levaba a cabo campañas que pedían pechar a billa.
Dos 417 campos de golf do Estado español, 102 construíronse en Andalucía e é a provincia de Málaga onde máis campos hai, máis de 50, a maioría asociados a urbanizacións de Marbella e Mijas. Por comunidades séguenlle Catalunya con 46, Castilla y León 37, País Valenciá 37, a Galiza 33, Madrid 32, Canarias 23, Illes Balears 21 e Murcia con 18, entre outras. Por provincias, a listaxe encabézaa Madrid, Barcelona, Málaga, Murcia e Alacant, esta última en quinto lugar.
Os alcaldes defenden os proxectos das construtoras coa escusa do emprego, aínda que un campo de golf só precisa un persoal de 36 persoas. Mais o verdadeiro negocio está nas vivendas asociadas, que se revalorizan entre un 50% e 30% máis segundo estean ou non en primeira liña do campo. Non son vivendas de primeira ocupación, son adquiridas por inversores e por familias de clase media que as usan como segunda residencia.
Esta depredación do territorio dun negocio privado con recursos públicos ten outras consecuencias graves como a contaminación do subsolo. Os campos de golf precisan gran cantidade de abonos e fitosanitarios que van parar aos acuíferos.
Auga potábel
O rego dos campos de golf, en teoría, debe ser con auga depurada, pero iso non se cumpre. Por mor da alta salinidade desta, na maioría dos casos soe mesturarse ao 50% con auga potábel. Noutros casos, como no campo de El Encin, en Madrid, régase directamente con auga que se extrae de pozos. Ademais, moitas das urbanizacións e campos de golf non teñen plantas depuradoras e son os concellos, con fondos públicos, os que reciclan e trasladan a auga aos campos de golf. En Málaga, Izquierda Unida pediu á Junta de Andalucía que non se empregaran as depuradoras públicas para producir auga para estes espazos privados.
“Os golfistas abúrrense”
O golf é un deporte que practica o 0,67% da poboación, segundo datos federativos. No Estado español están federadas preto de 350 000 persoas, das cales a maioría son turistas que veñen xogar aproveitando o bo tempo. Para poder xogar ao golf é preciso estar federado e pagar bastante diñeiro. Por exemplo, para ser socio do campo de golf da Moraleja (urbanización de luxo preto de Madrid) habería que pagar 6 000 euros ata finais dos ‘90. Agora páganse 75 000 ao ano.
Este deporte diríxese principalmente a quen se definen como “xogadores de alto nivel adquisitivo que lles gusta viaxar por todo o mundo para descubrir novos campos de golf”, segundo o informe realizado por Francisco Aymerich, xestor de campos de golf. Estes turistas xeran catro veces máis ingresos que un turista normal e o dobre que un golfista do Estado español. Segundo o informe “ao golfista abúrrelle xogar no mesmo campo”.
A creación de novos campos con green e percorridos diferentes é un incentivo que atrae a estes viaxeiros ricos. E, nesa febre de novos campos, o Estado español ocupa os primeiros postos. É o primeiro destino dos golfistas de Europa, que proveñen de Alemaña, Inglaterra e Noruega; é o segundo destino do mundo, despois dos EE UU.
Pero coa crise isto vense abaixo. O número de reservas por turistas del golf na Costa del Sol descendeu en 2009 un 37% respecto ao ano anterior. Mentres, os empresarios do golf empéñanse en xustificar o negocio tentando que calen mensaxes como que o negocio do golf é “unha industria”, “xerador de riqueza”, o “motor de desenvolvemento…”. Esta mensaxe calou na Junta de Andalucía, que aprobou un decreto que potencia os campos de golf considerados xa un ben de interese turístico.
Segundo o informe Aymerich, só en 2006 o golf moveu máis de 2 673 millóns de euros, incluídos, entre outros, os ingresos polo turismo do golf e das vivendas. O informe de Francisco Aymerich defende o golf desde o punto de vista económico, mais pasa por alto o aspecto ambiental.
Aymerich Golf, xestora de campos, quebrou este ano. O seu dono argumenta que “o golf estivo colgado da actividade inmobiliaria, ofrecendo un atractivo especial: aumentaba o valor das casas. Este modelo derrubouse e non se venden nin se van vender casas a un volume preciso para facer novos campos de golf”. O 90% dos campos de golf son privados promovidos por inmobiliarias ou grandes empresas do turismo, só un 9,1% son ‘públicos’, construídos con fondos da Administración pero xestionados case todos por empresas privadas.
Promotoras e inmobiliarias enriquecidas ao abeiro do negocio do golf empezaron a reclamar a intervención de concellos e comunidades autónomas para socializar perdas. Se as vivendas non se venden, non se pode manter o campo de golf, que, como admiten agora os promotores, son insostíbeis. José Pons, da construtora Medogroup, sinala que “o negocio de inventarse un campo de golf, pór catro casas e marchar está esgotado”. O director da Organización Mundial do Turismo, Francesco Frangialli, xa advertía en 2007 que este tipo de residencias que acompañan aos campos de golf, “son instalacións que consumen moita auga, ben que escasea cada vez máis polo quentamento global que leva á desertización dalgunhas rexións españolas”. Na revista Hosteltour, unha das publicacións do negocio hoteleiro, di abertamente que este tipo de “proxectos son insostíbeis”.
Pola súa parte, a Real Federación de Golf de España congratúlase do aumento de “campos de golf de carácter público e popular que completan pouco a pouco a cada vez máis extensa rede de instalacións de carácter público”, segundo sinalaban nun comunicado de xaneiro de 2010. Desde que empezou a crise a federación insiste en que “o golf popularizouse e xa non se pode falar dun deporte elitista”. Nesta liña vai a política de construción de campos de golf de Esperanza Aguirre. Na Comunidad de Madrid hai previstos 28 campos de golf, a maioría considerados públicos porque se farán en terreos públicos, mesmo en zonas protexidas, mais serán de xestión privada.
comentarios
0




