Periódico Diagonal

Premio a Laura Bugalho pola súa traxectoria activista das liberdades sexuais

O pasado 10 de decembro, o premio Nicolás Salmerón, na categoría de "Liberdades sexuais" recaeu na activista galega Laura Bugalho. Desde 2009 concédense premios con ese nome a persoas e entidades que sobresaen na súa labor contra a inxustiza e en defensa dos Dereitos Humáns.

ROCÍO FRAGA (REDACCIÓN GALIZA)
Martes 13 de diciembre de 2011.  Número 163

Laura Bugalho vive, en gran parte, para a militancia desde diferentes ámbitos. Profesionalmente é responsable da área de migración da Confederación Intersindical Galega (CIG), o que lle chegou a supor unha detención por defender os dereitos das persoas migrantes e contribuír a dignificar a súa vida. A resolución do proceso xudicial aínda non chegou.

No sindicato traballa, entre outras, con mulleres, transexuais e traballadoras sexuais, un claro exemplo de coherencia e de perspectiva que contribúe a dignificar a vida das persoas con alto risco de vulnerabilidade. Labor que non é fácil atopar no sindicalismo convencional. De feito en Galiza son parcelas que nin as entidades nin os movementos foron quen de abordar, e que necesitaron do traballo de Transgaliza (colectivo fundado por Laura Bugalho) para comezar a visbilizarse, chegando a conformar redes de traballo con outros colectivos do país e do estado.

É militante do Movemento pola Base e de Causa Galiza, ademais de impulsar a creación dun partido de esquerda alternativa na o concello no que é residente "Ames na Esquerda".

Non só por acumular siglas e nomes de organizacións nas súas costas Laura é unha activista moi recoñecida en Galiza, senón que é realmente destacable a súa labor na creación de redes máis aló do país polo que milita e loita, asumindo con coherencia as limitacións, e mesmo as consecuencias, que, o activismo social real, desde a base, carrexoulle ao longo da súa traxectoria.

Esta multimilitancia non está parcelada, senón que en todas e cada unha das achegas que Laura fai nos diferentes movementos e organizacións das que participa, repercuten de maneira transversal o transfeminismo, o sindicalismo de base e a esixencia da soberanía dos pobos e das persoas. Os movementos sociais galegos, por tanto, foron, en parte, galardoados a través de Laura Bugalho, xa que forma parte deles e así a recoñecen.

Nicolás Salmerón foi un político e filósofo español, Presidente do Poder Executivo da Primeira República Española durante mes e medio en 1873, sendo coñecida a súa renuncia alegando problemas de conciencia ante a firma dunhas condenas á morte. Esta mostra de coherencia e de responsabilidade política fixeron que desde 2009 se concedan premios con ese nome a persoas e entidades que sobresaen no seu labor contra a inxustiza e en defensa dos Dereitos Humáns.

Enviar | Imprimir | delicious Delicious | meneame Meneame | facebook Facebook | twitter Twitter

Portada número 174
Portada número 174

Boletín radiofónico Diagonal 150
Boletín radiofónico Diagonal 150

CreativeCommons Diagonal. C/ de la Fe, 10. 28012. Madrid. Tel.: +34 91 184 184 7 || webmaster[@]diagonalperiodico.net
RSS || Hecho por dabne.net con SPIP en Nodo 50