
A única televisión integramente na lingua propia que recibían os valencianos deixou de verse o 17 de febreiro polas multas que impuxo o Consell á asociación cultural que trouxo o sinal de TV3 hai 28 anos.
Acció Cultural del País Valencià (ACPV), unha das entidades valencianas máis importantes na promoción cultural e lingüística, foi castigada polo goberno de Francisco Camps (PP) con multas que chegan aos 600.000 € por se negaren a pechar os repetidores que traían o sinal desde o norte. Se non o facían antes do 20 de marzo, a sanción aumentaría cada quince días 60.000 euros máis.
O Consell modificou a Ley 1/2006 de la Generalitat, del Sector Audiovisual mediante a Ley 16/2010 del 27 de diciembre de Medidas Fiscales, de Gestión Administrativa y Financiera y de Organización de la Generalitat. Con esta nova norma, a Conselleria de Justícia ameazaba a ACPV con multala con outros 120.000 € se non cesaban as emisións de TV3 o 17 de febreiro. A ACPV decidiu entón apagar o sinal.
De pouco valeron as máis de 650.000 sinaturas de apoio que a ACPV presentou en 2010 á Iniciativa Legislativa Popular Televisió sense Fronteres, que foi torpedeada polo PSOE para non se debater nas Cortes Valencianas. O Goberno central tamén se negou a ceder un novo múltiplex para a reciprocidade das canles autonómicas valencianas e catalás.
En troques, a Comisión do Mercado de Telecomunicacións (CMT) concluíu varios días despois —após unha consulta dunha empresa privada tamén multada segundo a nova normativa do Consell— que a Generalitat non ten a potestade para sancionar Acció Cultural do País Valencià (ACPV) porque os repetidores cos que emite son de competencia estatal e non autonómica, ao consideralos "comunicacións electrónicas".
O Consell dixo que non aceptaba esta resolución e a ACPV, aínda que tente reconducir a situación en función do ditame da CMT, deberá aboar a multa.
A fin das emisións das canles catalás no País Valencià tivo unha rápida e contundente resposta cidadá: tres concentracións nunha semana en Valencia, unha das cales aglutinou unhas 4.000 persoas, 15.000 en Castelló e moitos outros protestos por todo o territorio organizados a través das redes sociais.
Estas demostraron o interese que a televisión catalá esperta entre os valencianos. Ao mesmo tempo, os protestos pola TV3 serviron para retomar a reivindicación dunha televisión pública valenciana que cumpra coa súa función de servizo público, a de promover a lingua propia, e que deixe de estar ao servizo do PP.
No día seguinte do apagón de TV3, diversos foros da Internet anunciaron un ataque masivo de protesto contra as webs do PP valenciano e a Generalitat, que estiveron practicamente todo o día bloqueadas pola acción dos hackers. O Gobern anunciou que investigaría a autoría dos devanditos ataques e que denunciaría os responsábeis, a quen cualificou de "terroristas".
A "catalanofobia"
O discurso catalanófobo é un dos trazos distintivos da dereita valenciana desde o Franquismo. Perante as reivindicacións nacionalistas valencianas, estreitamente ligadas á Catalunya, con quen comparten lingua e cultura, a dereita franquista encirrou o medo a un "imperialismo catalán" que supostamente pretendía "apropiarse" dos trazos de identidade valencianos para espertar unha besta que aínda hoxe devasta calquera iniciativa valencianista que non renegar das súas ligazóns coa Catalunya.
O nome da lingua ("catalán" para denominar o conxunto da lingua e "valenciano" para a súa variante valenciana) foi o eixo da polémica durante todos estes anos, malia non existir ningunha dúbida académica de se tratar da mesma lingua.
Aínda que existe, alén do nacionalismo catalanista, un nacionalismo estritamente valenciano, este non renega da unidade da lingua nin do vencello histórico e cultural co resto da área lingüística.
É por iso que as desorbitadas multas para a ACPV se interpretan como unha ofensiva do PP contra a entidade, un dos motores fundamentais do nacionalismo valenciano e da normalización lingüística. No entanto, as numerosas mostras de solidariedade e as queixas dos intelectuais, académicos, artistas e do sector audiovisual valenciano forzaron o PSOE a denunciar perante a Comisión Europea o apagón de TV3, alén do presidente da Generalitat Català, Artur mas (CiU), a pedir unha reunión co seu homólogo valenciano, Francisco Camps, e así trataren o tema, feito ao que este se negou por considerar que "apenas interesa a unha minoría".
LIGAZÓN AO ARTIGO EN CASTELÁN: