Periódico Diagonal

EIDO DIAGONAL

Espazos para outro tipo de economía na Galiza

A Cova dos Ratos, Panxea e A Cova da Terra son tres entidades representativas do comercio xusto e a economía solidaria na comunidade autónoma galega.

Eduardo Pérez (Redacción)
Miércoles 15 de diciembre de 2010.  Número 139

Entre os puntos colaboradores de DIAGONAL nas catro provincias galegas sobresae a aposta polo comercio xusto e a economía alternativa, reflexo do auxe destas ideas desde mediados dos ’90. Trátase da Cova dos Ratos (Vigo), Panxea (Santiago de Compostela) e A Cova da Terra (Lugo). Os dous últimos foron os primeiros en nacer, en 1995, mentres que A Cova dos Ratos fíxoo catro anos máis tarde.

Este último centro social autoxestionado ten como filosofía “o traballo en rede”. Como indica o seu integrante Javier Palacios, “preferimos traballar en base ao que nos une e deixar as diferenzas para o camiño”. Estes principios reflíctense na súa ampla e diversa actividade. A Cova dos Ratos conta con cociña e barra, que, segundo indica Palacios, “non se caracteriza precisamente pola súa profesionalidade, pero si pola calidade dos seus produtos e creacións, todo un mostrario de ’alternativas ao consumo’: produtos de comercio xusto, ecolóxicos, artesanais, de pequenas produtoras e exquisitos pratos de comida vegana (100% vexetariana)”. No centro funciona Lapsus, unha distribuidora alternativa que se dedica a distribuír DIAGONAL entre outras moitas publicacións.

O “motor real do espazo” confórmano varios colectivos: Trebelab (cultura e coñecemento libre), GAS (o anticapitalista Grupo de Axitación Social), Verdegaia-Vigo (sección do grupo ecoloxista), Somosdegenerando (colectivo queer-trans-feminista), Entremos na Panificadora (“grupo que reclama un uso social dun dos espazos arquitectónicos máis representativos da cidade”) e Forzas Esquizo-a (grupo de autoapoio e polos dereitos das persoas diagnosticadas como “enfermas mentais”).

Son estes grupos os que enchen de vida, cada semana, o centro social ao que se suman as iniciativas nas que está inmersa actualmente A Cova dos Ratos, como cursos periódicos de balde de cociña vegana, un proxecto de horta vegana, intentos de economía social (Vigotroca ou moedas complementarias) ou a súa participación no Espazo Aberto Antimilitar.

Pola súa banda, Panxea é unha das referencias compostelás en canto a comercio xusto e consumo responsábel. En febreiro de 2010, constituíuse como cooperativa de consumo e abriu un local tres meses máis tarde, no que se sitúan o centro de recursos de economía solidaria e a tenda de comercio xusto e produtos agroecolóxicos.

Gonzalo Gesto, membro de Panxea, sinala que neste momento están centrados en dous aspectos. Por unha banda, as súas actividades de difusión e sensibilización. Por outra, “a construción de alternativas económicas tanto a nivel interno coma no noso contorno”. Isto inclúe a creación dun banco de tempo e unha rede de troco, así como a colaboración na asociación de microcréditos AIS O Peto ou no proxecto FIAR de banca ética.

JPG - 110 KB
Integrantes de Panxea na tenda da asociación.

Na mesma liña traballa o centro social lucense A Cova da Terra, asociación que tivo o seu xermolo no movemento social que reivindicaba o 0’7% do PIB para cooperación internacional. Despois da súa conformación en decembro de 1995 abriron, indica Lucía Medina, a primeira tenda de comercio xusto da Galiza. En 2003, cambiaron de local, desprazándose a un máis grande dentro do casco histórico de Lugo. A tenda ofrece desde artesanía e alimentación de comercio xusto a papelaría especializada e, segundo manifesta Medina, “tentamos ser moito máis ca unha tenda, achegando ao público a filosofía da asociación”. A sé funciona tamén como “espazo asociativo” con centro de recursos para o movemento social de Lugo ou un centro de documentación especializado, Kandaharia, aberto ao público.

Entre os proxectos máis ambiciosos da asociación para difundir os valores de comercio xusto e economía solidaria, salienta o Programa Educativo co que se apoia as e os docentes que intenten introducir estes temas no seu traballo tanto de primaria como de secundaria. Para o presente curso, A Cova da Terra está centrada na Campaña Madeira Xusta, programa de sensibilización sobre o consumo e a xestión responsábeis e sustentábeis dos produtos forestais.

Do mesmo xeito que Panxea, a asociación de Lugo forma parte da Comisión de Comercio Xusto da Coordinadora Galega de ONG.

JPG - 251.4 KB
Participación da Cova da Terra no Día do Comercio Xusto.

Ademais das entidades vinculadas á economía solidaria, DIAGONAL está presente en Galicia por outras vías, como as librarías ou as sés de sindicatos. Un exemplo do primeiro é a pontevedresa Librería Michelena, que en 2011 cumprirá nada menos que 30 anos de vida. José María Dios relata que as circunstancias actuais non son as máis axeitadas, xa que recentemente tiveron que pechar a libraría durante cinco meses e reabrir noutro local. Segundo Dios, “o futuro vese un pouco escuro pero trataremos de seguir adiante e procurar difundir mellor as ideas que cremos poden achegar saídas ao mundo en que vivimos, a ver se se pode acabar dunha vez con esta globalización que nos escraviza cada vez máis”.

Polo que se refire a organizacións obreiras, DIAGONAL ten presenza na localidade coruñesa de Betanzos grazas ao sindicato de CNT, un dos máis novos na Galiza ao se crear en setembro de 2009. Despois de participar no Congreso de CNT celebrado na primeira fin de semana de decembro, CNT-Betanzos mantén o seu “intento de ir organizando a clase traballadora da bisbarra”, segundo comenta Suso García, membro do comité local.

García indica que CNT é “o único sindicato con actividade real na zona”. Esta situación supuxo duplicar a afiliación nun ano. “Actualmente contamos con afiliados na construción, nalgunha industria dos polígonos próximos e no sector servizos, así como entre o profesorado dos institutos”, describe o sindicalista. “Un verdadeiro estabelecemento do noso sindicato no mundo das empresas non depende en exclusiva do noso traballo ilusionado senón de que a CNT no seu conxunto siga a vía do crecemento destes últimos anos”, analiza García.

JPG - 165.9 KB
Concentración de CNT en Betanzos.

Consulta os puntos de venda de DIAGONAL en Pontevedra, Ourense, Lugo e A Coruña.

Traducido por Equipo de Tradución Galiza.

Enviar | Imprimir | delicious Delicious | meneame Meneame | facebook Facebook | twitter Twitter

Portada número 174
Portada número 174

Boletín radiofónico Diagonal 150
Boletín radiofónico Diagonal 150

CreativeCommons Diagonal. C/ de la Fe, 10. 28012. Madrid. Tel.: +34 91 184 184 7 || webmaster[@]diagonalperiodico.net
RSS || Hecho por dabne.net con SPIP en Nodo 50