Periódico Diagonal

ENTREVISTA | SUSANA CAÑETE, PROMOTORA DAS XORNADAS DiverGENtes/GENERANITZAK JAURDUNOLDEAK E DO COLECTIVO LUMATZA

“Demostramos que podemos facer sombra ao Opus Dei”

As Jornadas DiverGENtes desenvolvéronse como oposición ao I Congreso Internacional sobre Ideología de Género organizado pola Universidad de Navarra e UPN.

Zaloa Basabe Iruñea
Domingo 13 de marzo de 2011.  Número 145
JPG - 80.8 KB
12 DE FEBREIRO. A "pasarela da diversidade"

DIAGONAL: Após o escándalo da sentenza do caso de Nagore Lafagge había un certo malestar no movemento feminista de Nafarroa por non teren dado unha resposta contundente e coordinada. Serviron estas xornadas para reforzardes a capacidade de resposta do movemento feminista de Nafarroa?
SUSANA CANHETE: Para nós o éxito destas xornadas é precisamente ter xerado un espazo de encontro entre persoas e colectivos procedentes de diversas militancias. Consideramos que desta vez puidemos xuntarnos en función do que nos une, que é máis do que nos separa: a nosa loita contra o sistema patriarcal, heteronormativo e capitalista. Si que temos a sensación de que se está a cociñar unha cousa, de que é unha oportunidade para crearmos redes desde a perspectiva transfeminista. Xuntámonos na calor desta resposta necesaria contra a ultradereita do Opus Dei e de UPN, o que serviu para nos coñecermos e crearmos espazos de encontro en torno do que nos une, que é moito. E eu acho que demostramos a nosa capacidade organizativa e o nivel político dos nosos discursos ao longo de todo o contido das nosas xornadas, que fixeron sombra ao Congreso do Opus.

D.: As diverxencias entre os diferentes feminismos foron a aposta tanto nos debates como nas actividades organizadas, que valoración fai a organización a respecto da aposta?
S.C.: Eu falaría de sinerxía, mellor do que diverxencia. A perspectiva nestas xornadas é, desde o comezo, cuestionar o sistema binario das categorías sexo-xénero-sexualidade, desmontar os xéneros desde unha perspectiva transfeminista e queer e, nelas, como ben dis, tiveron cabemento diversos enfoques. Desde o comezo coincidimos na perspectiva e non quixemos disimular o radicalismo do discurso para a galería e para os medios de comunicación oficiais (que nos invisibilizaron en Navarra e nos deron cobertura no resto de Hego Euskal Herria). Tivemos unha sensación moi boa, porque a organización e a participación nas xornadas realmente transcenderon o propio movemento feminista. “Xuntámonos na calor desta resposta necesaria contra a ultradereita do Opus Dei e de UPN”

D.: Fálase moito de que actualmente o movemento feminista (os movementos…) está nunha encrucillada. Lonxe de ser un sinal de estancamento, parece un síntoma de dinamismo e renovación. Non sen motivo, nas últimas xornadas feministas do Estado español, o 40% das participantes eran menores de 30 anos. Cal é a situación en Euskal Herria?
S.C.: O debate sobre o famoso suxeito político do feminismo é interesante no seu plano teórico, mais son as loitas, as alianzas o que nos interesa. Sen dúbida, un punto en común é que non nos sentimos nin recoñecidas nin interesadas no feminismo que se puido chamar "clásico", e moito menos no que as institucións pretenden ofrecernos. A nós interésannos as prácticas, o día a día, e Euskal Herria non constitúe unha excepción no atinente á diversidade dentro do movemento feminista, o que é moi enriquecedor. A verdade é que esta sinerxía de loitas que supuxeron as xornadas DiverGENtes presenta un panorama esperanzador no tocante á politización e ao activismo.

D.: Despois das xornadas, pénsase dar unha continuidade á iniciativa desde a organización?
S.C.: Estas xornadas foron unha oportunidade para tecer máis redes entre os colectivos de Iruñea, de Euskal Herria e do resto do Estado. Cremos que as xornadas supuxeron unha inxección de enerxía para os nosos movementos. Por exemplo, hai colectivos transmaricabollo que están en proceso de creación e de refundación en Iruñea, posibelmente co entusiasmo xornadas.

EN DEFENSA DO DEREITO Á(S) DIFERENZA(S)

De xeito paralelo ao I Congreso Internacional sobre Ideología de Género, diferentes colectivos de Iruñea organizaron as Jornadas DiverGENtes/GENerANITZak JaurdunOLDEAK que, durante todo un mes, combateron a visión do mundo heterosexual e normalizada. Conferencias, cinefórums, presentación de libros e obradoiros da man de Laura Bugalho, Raquel/Lucas Platero, Itu-Medeak, Itziar Ziga ou Sejo Carrascosa entre outros nomes, e coa implicación na organización de diferentes e distintos colectivos como Euskal Herriko Bilgune Feminista, Subeltz, Lamias, Kattalingorri ou Lumatza.

«Perante as ortodoxias da media laranxa, reivindicámonos como froitas enteiras, saborosas e en todas as súas variedades»: así se presentaban o primeiro de febreiro as Jornadas DiverGENtes, paridas á luz (ou á sombra) do I Congreso Internacional sobre Ideología de Género organizado pola Universidad de Navarra, estandarte do Opus en Navarra. Após a clausura deste último, Ángela Aparisi, catedrática de Filosofía do Dereito desta universidade e unha das organizadoras, afirmaba nas súas declaracións a Diario de Navarra: «Cando actúan complementariamente a masculinidade e a feminidade conséguese unha grande fecundidade e riqueza, tanto na familia canto no ámbito laboral».

O Congreso sobre Ideología de Género pretendía dotar de discurso académico o dogma, insuflar un halo científico á relixión e ás posturas da Igrexa Católica a respecto non só da liberación da muller, senón da liberación dos individuos nun cadro férreo de xerarquías e desigualdades.

Para este labor quixeron dar cabemento no seu seo a algúns dos intelectuais da ultradereita máis salientábeis na defensa da involución dos dereitos sexuais. Contra a defensa da supremacía da familia cristiá, as Jornadas ofreceron un espazo de autodefensa perante as agresións homófobas, sexófobas e machistas e de defensa colectiva do dereito á(s) diferenza(s).

- EQUIPO DE TRADUCIÓN

LIGAZÓN AO ARTIGO EN CASTELÁN:

- “Hemos demostrado que podemos hacer sombra al Opus Dei”

Enviar | Imprimir | delicious Delicious | meneame Meneame | facebook Facebook | twitter Twitter

Portada número 174
Portada número 174

Boletín radiofónico Diagonal 150
Boletín radiofónico Diagonal 150

CreativeCommons Diagonal. C/ de la Fe, 10. 28012. Madrid. Tel.: +34 91 184 184 7 || webmaster[@]diagonalperiodico.net
RSS || Hecho por dabne.net con SPIP en Nodo 50