O 14 de febreiro, o xuíz Nicolás Zambrano da Corte de Nueva Loja, da provincia de Sucumbíos (o Ecuador), ditaminou que a transnacional norteamericana Chevrón, que adquiriu as accións de Texaco en 2001, é culpábel da polución que provocou na Amazonia ecuatoriana entre 1964 e 1990.
Texaco explotou durante eses anos unha concesión dun millón de hectáreas nunha zona selvática, provocando un desastre ecolóxico considerado por moitos expertos dez veces superior á vertedura ocasionada pola British Petroleum no Golfo de México en abril de 2010. O xuíz resolveu que a petrolífera debe pagar 8.646 millóns de dólares polos danos ocasionados e, alén diso, o 10% que impón a Ley de Gestión Ambiental ecuatoriana, feito que aumenta a multa a 9.150 millóns de dólares. Na súa vertente moral, a sentenza sinala que Chevrón-Texaco «debe pedir desculpas públicas» ás vítimas polo crime cometido, e deberá pagar o duplo no caso de se negar a facelo. «Esta é unha oportunidade para a empresa de recoñecer a súa culpa e, se non o fixese, demostraría que actuou intencionadamente.», indica a sentenza.
Trescentos cincuenta e seis pozos de petróleo
Na sentenza fica demostrada a presenza de substancias poluíntes na zona, e que estas foron «as causantes dos danos notificados no ecosistema e na saúde das persoas». Neste sentido temos de lembrar que Texaco operou en 356 pozos de petróleo da zona, e que construíu fosas que empregou como «piscinas» sen revestimento e ao aire libre, para depositar os refugallos tóxicos.
A compañía norteamericana explotou tamén 22 estacións de produción nas cales o petróleo e as augas de produción foron vertidos sen tratamento previo en regatos, ríos e pantanos próximos. As poboacións da zona denuncian ao DIAGONAL que «Texaco verteu ao ambiente máis de 18.000 galóns de augas poluídas (case 82.000 litros) e produciu verteduras de aproximadamente 17.000 galóns (77.000 litros) durante o tempo que estivo por aquí». Conforme os datos do Ministerio de Salud Pública ecuatoriano, a incidencia da leucemia na zona onde operou Texaco é tres veces superior nas crianzas de cero a catro anos do que no resto do país.
De xeito similar, a incidencia de cancro aumenta un 150% a respecto dos datos nacionais, danse 2,5 veces máis abortos espontáneos e preséntase un elevado índice de morbilidade, alén de problemas respiratorios, dixestivos e enfermidades da pel. Cómpre termos en conta tamén que «98% das mostras de auga extraídas dos ríos da rexión nororiental do Ecuador mostran concentracións de contaminación e toxicidade que ultrapasan o límite de referencia para a saúde humana», segundo indica Alberto Valero, biólogo colaborador da Universidad de Cuenca.
Dona Matilde Sintú, que mora actualmente nos arrabaldes do sur de Quito, lembra aqueles anos: «Os animais morrían, ficamos sen caza, os peixes xacían mortos nos ríos, estragaron as nosas colleitas. Moitos dos que nacemos alí tivemos de marchar, abandonando as nosas terras.»

Xurisprudencia ambiental
A demanda foi amparada por cerca de 30.000 ecuatorianos organizados na Frente de Defensa de la Amazonía (FEDAM). A fronte acusou Texaco (hoxe dita Chevrón) de poluír as súas terras, matar os seus animais e atentar gravemente contra a saúde das persoas coas verteduras do seu material tóxico.
Malia a sentenza do tribunal, a petrolífera conseguiu que a Corte Permanente de Arbitraxe da Haia declarase a sentenza inaplicábel temporariamente, o que indica que o proceso aínda non rematou, e que aínda restan anos de litixio nos xulgados e cortes internacionais.
Segundo Pablo Fajardo, avogado das persoas afectadas, os pobos da Amazonia Norte «combatemos xuridicamente para conseguir que a empresa Chevrón responda polo seu crime e pague o custo económico da reparación do dano ambiental provocado», e engade «se ben que a cantidade non sexa significativa perante os danos provocados por Texaco, esta sentenza estabelece unha xurisprudencia a respecto dos dereitos ambientais e da responsabilidade das empresas coa natureza, e isto é o que fai que esta sentenza constitúa un paso histórico na defensa da vida».
Para este avogado de familia humilde, cuxo primeiro traballo decorreu nas labores de limpeza dunha petrolífera, «trátase dunha boa sentenza e senta unhas bases moi firmes para a xustiza ambiental». Porén, a Frente de Defensa de la Amazonía apelou a sentenza ao alegaren que «consideramos que a sentenza omitiu a reparación dalgúns danos ligados a impactos ambientais recoñecidos na mesma e, aínda máis grave, omitiuse recoñecer outros danos que foron probados no expediente».
O presidente da Frente de Defensa de la Amazonía, Luis Yanza, indica que, ao contrario do acontecido no Golfo de México, «neste xuízo non falamos de danos provocados por accidentes, falamos de danos ás persoas e ao ambiente de xeito deliberado». A respecto da apelación das persoas afectadas, Yanza subliña que «estes cartos non nos permitirían aplicar un remedio eficaz, aínda que ningunha cantidade será abonda para podermos reparar o dano para a flora e a fauna e, principalmente, para as persoas. Esta cantidade é insuficiente para repararen os danos», conclúe Luis Yanza. Para Chevrón, que non quixo facer declaracións a este xornal, «a sentenza do tribunal ecuatoriano é ilexítima e inaplicábel. É o produto dun fraude e totalmente contraria ao que aducen as probas científicas e lexítimas». Desde a petrolífera afírmase que «tanto os tribunais dos EUA canto os tribunais internacionais tomaron xa medidas para evitaren a aplicación da sentenza emitida polo Tribunal ecuatoriano».
Perante o futuro, Diocles Zambrano, dirixente da Red de Líderes Comunitarios Ángel Shingre (RLCAS) indica que as transnacionais petrolíferas europeas que actúan na zona «Perenco e Repsol xa deben estar preocupadas».
A RLCAS, que toma o nome dun campesiño moi activo contra a Texaco que morreu após ser secuestrado e cribado de balas en 2003, estivo a facer un seguimento dos danos provocados polas dúas transnacionais petrolíferas na provincia amazónica de Orellana e anuncia que vai continuar o camiño de denuncia aberto pola Frente de Defensa da Amazonía.
Efecto das verteduras
Os demandantes piden que se teñan en conta os efectos do petróleo cru que Texaco espallou polas estradas das provincias amazónicas de Sucumbíos e Orellana e as perdas económicas sufridas polo campesiñado destas rexións. A cultura de cinco pobos orixinarios, os Cofán, os Siona, os Secoya, os Kichwa e os Huaorani, viuse minguada pola acción da petrolífera.
Requiren non só a restauración das terras e ríos, senón tamén un programa de reafirmación étnica. «O xuíz recoñece o feito de a polución agravar a pobreza na zona; é xusto e razoábel dispor unha cantidade económica para repararen eses danos», sinala o avogado Pablo Fajardo acerca da apelación efectuada perante a sentenza xudicial. Do mesmo xeito, a Frente de Defensa de la Amazonía pide ao xuíz que determine unha cantidade para recomprar as terras dos pobos indíxenas, que «tiveron de abandonar os seus territorios invadidos para se afastaren da polución», segundo Fajardo.
ARTIGOS RELACIONADOS:
"Chevrón aforrou moitos cartos á custa da vida de millares de persoas"
LIGAZÓN AO ARTIGO EN CASTELÁN: