Periódico Diagonal

REACCIÓNS Á SENTENZA CONTRA A TRANSNACIONAL QUE POLUÍU A SELVA ECUATORIANA

"Chevrón aforrou moitos cartos á custa da vida de millares de persoas"

Diversos economistas, ambientalistas e responsábeis de movementos sociais opinan acerca dos danos que provocou a petrolífera norteamericana.

D.M. Correspondente en Quito / Ecuador
Domingo 13 de marzo de 2011.  Número 145

Segundo Jonathan Sefftz, un economista financeiro formado na Escola de Goberno John F. Kennedy da Universidade de Harvard, quen elaborou un informe sobre o enriquecemento inxustificado da Chevrón-Texaco, «os cartos que [a petrolífera] non gastou nunha tecnoloxía axeitada para evitar o efecto ambiental investiunos, co cal chegou a obter ganancias próximas aos 37.860 millóns de dólares».

Do mesmo xeito se manifesta Pablo Fajardo, un avogado das persoas afectadas da Amazonia Norte. Fajardo cre que «se Chevrón tivese efectuado unha operación responsábel na Amazonia ecuatoriana non terían morto millares de persoas de cancro, xa que a petrolífera estaba obrigada a reinxectar as augas tóxicas e a non verter refugallos poluíntes, nin no chan nin na auga. Chevrón aforrou moitos cartos á custa da vida de millares de persoas ecuatorianas e hoxe non quere recoñecer o crime cometido nin a súa ganancia ilexítima, é por iso que tenta corromper o proceso xudicial».

"A desaparición da biodiversidade non se pode contabilizar con cartos, non hai reconstrución nin reparación posíbel"

«O xuízo contra a Texaco-Chevrón demóstranos que é posíbel cuantificar unha parte dos danos e que, alén diso, é posíbel xulgalos, malia as presións das empresas transnacionais», indica o académico da Facultad Latinoamericana de Ciencias Sociais e ex-chanceler do Ecuador, Fander Falconí.

"Mais outros danos ambientais non son cuantificábeis. A desaparición da biodiversidade non se pode contabilizar con cartos, non hai reconstrución nin reparación posíbel. Hai valores que non teñen prezo», conclúe Falconí. Alberto Acosta, outro académico da mesma facultade, quen exerceu como presidente da Asamblea Constituyente del Ecuador, sinala outra vertente do conflito, «no ámbito psicosocial as denuncias son múltiples: violencia sexual por parte de operadores da compañía contra mulleres adultas e menores de idade mestizas e indíxenas, abortos espontáneos, discriminación e racismo, desprazamentos forzados, efectos culturais nocivos e ruptura da cohesión social».

JPG - 51.9 KB
CRU. A familia de Alejandro Soto moraba cerca de cinco piscinas de petróleo. Edu León

Un mal negocio para o Ecuador

Para Joan Martínez Alier, catedrático da Universitat Autònoma de Barcelona e un dos pais da escola de economía ecolóxica, existe un claro tratamento discriminatorio neste tipo de actuacións. «É notorio que a BP foi obrigada a depositar un depósito de 20.000 millóns de dólares para sufragar unha parte das responsabilidades que deberá afrontar. Nada semellante se fixo coa Texaco cando abandonou o Ecuador, aproximadamente en 1990». Segundo este académico catalán, «o desastre do Golfo de México, que custou a vida de 11 traballadores da plataforma petrolífera Deepwater Horizon en maio de 2010, foi e é noticia en todo o mundo porque afectou as costas dun país rico e poderoso. En troques, en moitos países empobrecidos acontecen casos de polución semellantes desde hai décadas e non merecen tanta atención dos medios de comunicación, cando menos até algún xuíz ter ditado sentenza».

Acción Ecológica, unha das organizacións ambientais máis recoñecida no Ecuador, calculou que os beneficios para o Estado ecuatoriano pola explotación petrolífera, de media, non chegan aos cinco dólares por barril, porque o Estado paga os servizos de extracción. Segundo Acción Ecológica, «o que garante este negocio é a ganancia das empresas. Se a este feito lle engadirmos todos os custos ambientais e sociais que non están considerados e o valor da reparación das zonas afectadas, resulta obvio o feito de que tirar petróleo é, desde calquera perspectiva, un mal negocio para o país».

A iniciativa Yasuní ITT

Para os sectores indíxenas e ambientalistas ecuatorianos, a Iniciativa Yasuní ITT volveu coller forzas após a sentenza contra Chevrón-Texaco, dado que torna nunha alternativa factíbel perante as lóxicas extractivas do continente. A proposición ecuatoriana pretende manter no subsolo unhas reservas de 846 millóns de barrís de petróleo no campo ITT (Ishpingo-Tambococha-Tiputini), equivalentes a 20% das que dispón o país, situadas no Parque Nacional Yasuní, na Amazonia ecuatoriana. En troca, Ecuador propón que a comunidade internacional contribúa financeiramente cun mínimo de 3.600 millóns de dólares, equivalentes a 50% dos recursos que percibiría o Estado no caso de decidir explotar o petróleo. A isto engádeselle o feito de a Iniciativa ecuatoriana Yasuní-ITT pretender evitar a emisión de máis de 400 millóns de toneladas de dióxido de carbono que suporía empregar os combustíbeis fósiles obtidos da explotación do cru.

Para Fernando Valdivia, técnico ambiental que desenvolveu estudos na zona, «extraer o cru do ITT carreta un grande risco, a zona é unha inmensa lagoa, onde calquera vertedura podería ter consecuencias gravísimas. O cru é pesado e a súa explotación suporía aínda máis refugallos. Poderíamos calcular que por cada barril de cru serían precisos entre oito e nove barrís de augas tóxicas», conclúe Valdivia.

Enviar | Imprimir | delicious Delicious | meneame Meneame | facebook Facebook | twitter Twitter

Portada número 174
Portada número 174

Boletín radiofónico Diagonal 150
Boletín radiofónico Diagonal 150

CreativeCommons Diagonal. C/ de la Fe, 10. 28012. Madrid. Tel.: +34 91 184 184 7 || webmaster[@]diagonalperiodico.net
RSS || Hecho por dabne.net con SPIP en Nodo 50