Pendente da aprovación definitiva pola Xunta de Galicia da nova Lei de familia do PP, que entrou xa no último trámite parlamentario, xa agroman reaccións desde diferentes sectores perante esta proposta de retroceso nos dereitos e liberdades das mulleres galegas.
A Lei de familia xorde após a Iniciativa lexislativa popular en defensa do matrimonio e da familia que promoveron en todo o Estado os sectores máis reaccionarios da sociedade como o Foro Español de la Familia (FEF) ou a Confederación Católica de Padres de Alumnos e a plataforma Hazte Oír, entre outras entidades.
O mesmo Consello Económico e Social (CES, órgano consultivo dos gobernos) sinalou que a devandita lei é regresiva e patriarcal, dado que recorta os dereitos das mulleres e, alén diso, lles impide exercer a súa maternidade libremente e con información.
A lei, cuxo anteproxecto foi aprobado pola Xunta de Galicia en marzo, está conformada por dous grandes bloques: o primeiro contén a meirande parte das principais medidas que afectan de forma directa as mulleres (disfrazadas como medidas de apoio á familia), e o segundo está dedicado á infancia e a adolescencia.
Modelo de familia único e obrigatorio. A exposición de motivos que introduce a lei supón un concentrado de declaracións ideolóxicas moi profundas. Afirma que na Galiza existe un “aprecio arraigado ás súas tradicións e valores familiares”, alén de que “estamos a asistir a unha crise do modelo tradicional de familia”. En ningún momento se determina cal é ese modelo, mais laméntase da existencia de “grupos de convivencia que se constitúen con certa analoxía a esta institución”, negándoos e distinguíndoos do modelo de familia nuclear tradicional (heteropatriarcal).
No capítulo dedicado á conciliación da vida familiar, laboral e persoal empréganse expresións como a “voluntaria corresponsabilidade nas tarefas e obrigas familiares...” de xeito que se protexen os valores tradicionais da familia heteropatriarcal, no canto de se salientar a desigualdade na implicación dos homes no traballo doméstico e nas tarefas de coidados e se aprobaren medidas para corrixir esta deficiencia.
Ocultación consciente da verdadeira función social e económica da familia. Como se indica da exposición de motivos, afírmase que o apoio que deben dar as institucións á familia é un deber de xustiza en reciprocidade co que a familia fai á sociedade; isto non deixa de ser un eufemismo do traballo gratis que as mulleres fan día a día e do cal a sociedade obtén beneficio directo (segundo datos de diferentes informes, como un do Instituto Nacional de Estatística de 2008, as cargas domésticas constituían un 36% do PIB).
Todo este traballo aumenta inmensamente en épocas de crise como a actual, porque son as familias as que soportan o peso do desemprego, dos recortes nos servizos, nas axudas, na sanidade... Por tanto, se esta lei pretende dar solucións a estes problemas tal como afirma, debería comezar por incrementar drasticamente os orzamentos destinados ao gasto social e estabelecer mecanismos dirixidos a socializar todas esas tarefas que realizan as mulleres e que supoñen un obstáculo para unha vida plena, dado que o tempo fica limitado polas xornadas laborais duplas e triplas, sexan remuneradas ou non.
Dereito ao aborto. Ao longo de todo o texto da lei percíbense consideracións antiabortistas, mais no capítulo VI do título I, dedicado integramente á “protección da maternidade, mediante o apoio e protección á muller xestante”, fanse evidentes.
La lei contempla a aplicación de “campañas de sensibilización dirixidas á concienciación social da importancia da maternidade, ao fomento da natalidade e á protección do dereito á vida en formación”. Para tal fin ofrece protección desde a concepción dos futuros seres e chega mesmo a consideralos xa individuos susceptíbeis de requirir praza en garderías. As solucións para as gravideces non desexadas fican perfectamente definidas: a promoción da “acollida e adopción como alternativa a que a muller xestante poida continuar coa súa gravidez”. Desta forma, elimina toda referencia á interrupción voluntaria e anula o dereito básico das mulleres a decidir se queren ser nais, cando o serán e en qué condicións.
As mulleres son responsábeis da baixa natalidade e de manter o estado de benestar. La lei comeza coa afirmación: “Galiza vive una gravísima mingua da natalidade que produce un alarmante descenso demográfico e que dificulta as posibilidades de mantemento do estado de benestar”. A pregunta daquela é se realmente a causa da suposta falta de diñeiro público para manter o estado de benestar é a baixa natalidade ou está provocada polo sistema económico que padecemos. Porén, o sistema prima nos seus orzamentos os gastos militares, os subsidios á igrexa católica, os salarios da clase política ou o financiamento do ensino privado antes do que os servizos sociais.
Culpar da falta de cartos á baixa natalidade criminaliza as mulleres e, para alén, orixina unha obriga moral destas a ter descendencia en favor do ben social.
A estes catro puntos hai que engadir un: a familia non se contempla como un dos espazos de dominación patriarcal. Obvia a existencia da violencia machista no seo da familia, na cal se produce un amplo número de atentados violentos machistas contra as mulleres.
LIGAZÓN AO ARTIGO EN CASTELÁN:
La nueva Ley de Familia en Galicia o la política al servicio de la ideología